A Masa Coral do CSCR de Beade comeza a súa labor como formación de coristas no ano 1985 por iniciativa dun grupo de persoas afeccionadas á música e aos cantos populares. O monitor e fundador foi o profesor Julio César Mariñas Iglesias.
Dita coral actúa en público por primeira vez o 14 de Xuño de 1987, no auditorio deste Centro Cultural por motivo da celebración da II Festa-Feira da Cereixa. A partir deste momento a súa andaina fai que percorra diversos lugares da Autonomía Galega e a súa contorna, e realice actuacións en conxunto co Grupo de Gaitas.
Dende 1990 ata 1996 toma o cargo de director Óscar Villar, director tamén da Coral Casablanca de Vigo, destacando as actuacións acompañadas de órgano e o I Intercambio coa Coral de Alcorcón de Madrid.
En outubro de 1996 ata 2012 está a cargo de Rafael Pérez Dopeso, que dedica a súa vida profesional a dirixir tres corais e unha banda de música pertencentes á provincia de Pontevedra. No ano 1998 fíxose un Intercambio no mes de decembro coa Coral Renacencia de Valencia, quedou finalista no certame de panxoliñas de Caixanova e participou con outras corais no festival Galicia Cantat, O Xacobeo no 2000. Un ano despois, no 2001, grava un CD xunto co grupo do cordas clásicas do CSCR de Beade, sendo a súa presentación oficial o día 31 de outubro no Auditorio Cultural de Caixanova.
Aínda que nas súas orixes a Coral estaba composta por 30 voces, na actualidade componse por case 50 voces mixtas, e contan cun repertorio de obras profanas, relixiosas e populares de distintas rexións españolas e estranxeiras. Hoxe en día está dirixida polo profesor Julio Vázquez.