Semente da Arte Galega naceu como grupo de baile tradicional en 1986, no Centro Cultural de Beade, froito da iniciativa veciñal para promover a cultura a partir de actividades relacionadas coa música, danza, canto, deporte, etc. Co paso dos anos, o pequeno grupo inicial foi adquirindo gran relevancia dentro dos grupos folclóricos da zona, chegando a conseguir os primeiros postos en varios certames provinciais e autonómicos.
Está composto por un grupo heteroxéneo, de idades comprendidas entre os 6 e 70 anos, que trala incorporación de maiores no ano 2005, divídense en tres grupos segundo as idades:
- Escola: Formado polos máis cativos, os que comezan a dar os seus primeiros pasos dentro do baile galego.
- Grupo Principal: Formado polos rapaces e rapazas máis veteranos, encargados de crear os bailes tradicionais nos escenarios.
- Grupo de maiores: Formado como ben di o seu nome polos máis maiores, os cales demostran en cada actuación que non existen barreiras ante a idade.
A través de diferentes pezas (muñeiras, ribeiranas, carballesas, piruxaldas, redondas, fandangos, valses, xotas, etc). Semente da Arte Galega intenta combinar dous puntos de vista diferentes dentro do folclore, identificándose non só polas danzas e a música, senón tamén polo vestiario que fai de distintivo cultural. En Galicia existen moitas variantes do traxe tradicional, dependendo das clases sociais, oficios e outros factores socioeconómicos e culturais das distintas zonas xeográficas. Nas nosas actuacións sóese empregar dúas tipoloxías diferentes de vestimenta:
- O traxe de Gala: empregados nas ocasións festivas que se caracteriza pola calidade das teas, riqueza da súa pedrería e o coidado de cada un dos complementos.
- O traxe de Faena: empregados a diario, confeccionado con sinxeleza e con telas máis rudas, aptas para o traballo no campo.
Esta combinación folclórica, coreográfica, visual e musical bebe das raíces tradicionais, reflectindo do xeito máis fiel o bo facer do baile popular. Onde a depuración, únese coa técnica e a estética. Unha mestura idónea para representar a nosa arte en distintos certames folclóricos, festivais de danza, festas e romarías populares, dirixida por Fernanda Castro Estévez.